“A novidade do noso traballo está en sinalar que a capacidade de tolerancia ao estrés dos árbitros non dependeu da súa condición física específica e si do estado do sistema nervioso nos días sen partido, ou condición basal”, declara a SINC Daniel A. Boullosa profesor e investigador vigués, actualmente na Universidade Católica de Brasília.
O estudo realizouse nun total de 16 árbitros (11 homes e 5 mulleres), todos pertencentes ao Colexio Galego de Árbitros de Fútbol de Vigo. “Puidemos recoller os datos desta mostra grazas á colaboración do delegado do Colexio, xa que non é fácil compilar, nunha mesma semana, rexistros da actividade do corazón destes deportistas, nun día de partido e noutro día da semana durante 24 horas, ademais de aplicar as probas de avaliación física sen que inflúan nos días de avaliación do estrés”, explica o experto.
Os datos foron recollidos cun cardiotacómetro (Polar RS800) que levaban os colexiados e con él analizouse a variabilidade da frecuencia cardíaca. Esta técnica permite inferir a actividade do sistema nervioso autónomo “rama simpática e rama parasimpática” e a súa resposta ante eventos estresantes.
“Hai que aclarar que con máis pulsaciones non existe necesariamente maior resposta ao estrés, como podería parecer. Non é unha relación proporcional. Dita resposta está máis relacionada coas variacións no ritmo desas pulsaciones, que poden ser avaliadas con cálculos matemáticos a partir do rexistro electrocardiográfico”, puntualiza o investigador.
Os árbitros que experimentaron unha actividade máis intensa durante o partido foron os que demostraron unha maior depresión do sistema nervioso no cinco horas seguintes ao encontro.
Os investigadores observaron que no día do partido os árbitros sufrían unha tensión importante tanto nas horas previas como despois do partido, e que esta resposta se prolongaba até as horas de soño.
As alteracións observadas nos árbitros pola noite eran “dun nivel similar ás documentadas en atletas de elite despois de esforzos máximos”, sinala Boullosa, e engade que “entre o día control e o día de partido observáronse diferenzas dun 15% a un 75% nos parámetros estudados, coas maiores alteracións nas horas seguintes ao final do partido”.
O equipo de investigadores empregou ademais o test “Yo-Yo” para avaliar a condición física. Este test avalía a capacidade de repetir esforzos intermitentes de alta intensidade, que é unha calidade específica tanto dos xogadores como dos árbitros. Non atoparon unha relación entre os que mellor condición física demostraban no test e a capacidade de tolerar o estrés o día de partido.
Segundo estes resultados, deberíanse considerar estratexias para o control do estrés en árbitros, xa que a exposición crónica ao mesmo, asociada a unha menor tolerancia, pode ter consecuencias negativas na saúde dos colexiados, incluída unha maior incidencia de eventos cardiovasculares.
“A súa preparación física debería incluír, por unha banda, a capacidade de realizar sprints e aceleracións para o desempeño específico, mentres que a condición aeróbica podería ser máis apropiada para tolerar mellor a fatiga e a tensión o día dos partidos”, conclúe o investigador. Na actualidade Boullosa traballa como científico do deporte en Brasil e aplicará este modelo en pilotos de combate das forzas armadas deste país e nos traballadores do Banco de Brasil.
Fonte de Datos: SINC